martes, 29 de enero de 2008


Existe, por desgraza, unha ampla mostra de conflitos armados onde constatar os diferentes graos de sufrimento e degradación do ser humano que toda guerra implica. Algúns, aparentemente esquecidos, deixaron, non obstante, feridas mal cicatrizadas e dispostas a reabrirse en calquera momento.Outros, case descoñecidos no imperdoablemente descoñecido continente africano, están xa perdidos sen remedio sexa cal sexa o resultado final da contenda.Tamén os hai cotiáns, perniciosos, que abandonan os primeiros titulares pero deixan rastros atrofiados, convertidos en xordas ladaíñas onde a traxedia individual de cada morte se dilúe en cifras carentes de sentido.
Sendo conscientes desta situación, no Día Internacional da Paz, eliximos a guerra de Iraq como símbolo do engano, a barbarie e a loucura que toda guerra implica.
Neste documento utilizamos unha breve selección de textos de poetas árabes representativos da desolación dun pobo ante a traxedia colectiva que asola moitos dos seus países. Tamén incluímos algunhas citas contra a guerra de varios pensadores e escritores da nosa cultura occidental..


Oiamos as súas voces porque temos o convencemento de que só escoitando persoas sosegadas e respectuosas de calquera cultura os seres humanos teremos unha mínima posibilidade de futuro. Este é o espírito que alenta o presente documento que forma parte da iniciativa colectiva das Bibliotecas Escolares Galegas non Día Internacional da Paz, por un mundo mellor e máis xusto.

Os materiais gráficos deste documento proceden das seguintes fontes
Iraq War Paintings Gerard Laing
Carteles contra una guerra – Signos por la paz (James Mann, Ed. Gustavo Gili)
Lions Clubs International Peace Poster Contest


Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares en prol da PAZ

lunes, 28 de enero de 2008